Igrexa Parroquial

A igrexa do antigo convento é a parroquial da vila de Santa Marta dende 1848. De nova construción, ergueuse segundo o proxecto e baixo a dirección do mestre de arquitectura lugués Blas de Barros. Encostada ás que foran o resto das dependencias monacais, ten planta de cruz latina cunha soa nave, cabeceira con capelas laterais, unha única torre e claraboia de tambor sobre o cruceiro.

Accédese á porta principal por un pórtico de catro arcos, cun andar superior abalconado. A torre de tres corpos de ancho decrecente ten trinta e seis metros de altura. É a única parede da nave que se ve dende o exterior, ao lado sur, xa que as demais están unidas ao antigo convento. Presenta unha fermosa portada de tres corpos.

O material empregado é canterí­a de granito en esquinas, marcos das portas, ventás e adornos. O resto é de cachoterí­a revocada, agás os dous corpos superiores da torre, todos de canterí­a. O interior está cuberto por unha bóveda de canón. Toda a cuberta diví­dese en oito compartementos, aos que hai que engadirlle un noveno, de planta cadrada, que corresponde ao cruceiro. Os arcos que a sosteñen descargan sobre grandes pilastras toscanas unidas ao muro.

Anteriores á construción do templo parroquial son os importantes retablos que garda no seu interior, así­ como unha lápida sepulcral de alabastro con letras góticas do século XVI, que garda os restos de Martín de Basoa.

Tanto o retablo do Altar Maior como o do Rosario son obra do mestre tallista Juan Domín-guez de Estivada. O primeiro deles é de 1766. Consta de dous corpos e, malia que ten nove metros de largo, tende á verticalidade. Domina o arquitectónico sobre o escultórico. Inclúe tallas de Santo Domingo -que o preside-, Santa Rosa de Lima, Santa Catalina, San Pedro Mártir, San Francisco de Así­s, a Fe e a Xustiza. Coróaos un altorrelevo da Virxe do Rosario. Pintouse e dourouse por primeira vez no ano 1859.

O retablo do Rosario está realizado en madeira de nogueira. Ten tamén dous corpos e destaca nel unha sutil decoración. O seu aspecto actual é o orixinal, xa que nunca foi pintado nin dourado. O mesmo que o retablo do Altar Maior é de gran calidade e ten grandes imaxes talladas en madeira que amosan posturas e vestimentas variadas. O do Rosario acolle as do Pai Eterno -no remate superior-, a representación da Visitación a Marí­a, a Virxe do Rosario, San Xosé e San Xoaquí­n. Ambos os dous retablos foron restaurados en 1998.