Barrio do Ponto

Este é o barrio no que residiron os primeiros habitantes de Santa Marta. Está formado por rúas irregulares e estreitas, como a maiorí­a das casas que a elas asoman. Sitúase arredor da Praciña dos Anxos, un espazo de escasas dimensións dividido por dúas zonas a diferente altura unidas por unha escalinata. O conxunto data de finais do século XIX.

Accedese á Praciña dende a Praza de Isabel II, a través das rúas da Amargura, Prí­ncipe ou Manuel Sandomingo. Destaca ao seu carón a casa da familia Maciñeira.

Na Praciña situábase a Casa do Concello, un edificio de planta cadrada, con aspecto rexio e antigo. As entradas do conxunto están na parte baixa e na rúa de San Roque. A pesar do seu aspecto humilde, neste inmoble tiveron lugar diversas actuacións do Alcalde Maior de Xustiza e Rexemento. Albergou asemade as oficinas do Concello, os arquivos administrativo, xudicial e o dos escribáns, ata que pasaron ao edificio conventual en 1848. Nove anos despois foi sede da primeira escola de nenas da Vila. A construción orixinaria data do século XVI.

Dende aquí­, a rúa San Xosé lévanos ata a alameda do Ponto, tamén chamada Cemiterio Vello. Este espazo arborado acolleu a igrexa parroquial -e os enterramentos adxacentes- ata o ano 1849. Máis arriba atópase o que fora Hospital de San Roque, inaugurado en 1885.

Este paseo polo Ponto remata na parte norte do recinto do Cemiterio Novo. Situado na mesma punta da Pení­nsula do Requeixo, está aberto á beleza e á brisa da Rí­a.